EDUSI Santiago de Compostela - Revive Santiago

Video presentación 



Concepción da estratexia

O Pleno do Concello de Santiago aprobou o 12 de xaneiro de 2016 a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) da cidade co obxectivo de presentar a súa candidatura ao Programa Operativo de Crecemento Sostible, financiado con fondos europeos FEDER. A Estratexia foi finalmente aprobada mediante resolución do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de data 29 de setembro de 2016.

O documento aprobado contén a EDUSI para o período 2015-2025, baseada nos seguintes principios:

  • Trátase dunha estratexia integrada e a longo prazo, non de accións específicas non integradas nun contexto máis amplo
  • A participación cidadá foi un elemento clave na elaboración da EDUSI 
  • As operacións contempladas, e que se irán aprobando progresivamente, contribuirán aos fins da estratexia e enmárcanse nalgún dos catro obxectivos temáticos do eixo 12 do POCS. 

A EDUSI formulouse a partir da identificación dos problemas e dos retos urbanos de Santiago de Compostela desde o punto de vista económico, ambiental, demográfico, climático e social. A partir dunha análise global e integrada do territorio chegouse a unha serie de conclusións que permitiron facer un diagnóstico da situación a través da metodoloxía DAFO. 

A prioridades de actuación derivadas desa análise foron contrastadas coa cidadanía, e durante este proceso de participación detectáronse tres necesidades fundamentais:

  • Unha maior atención ás problemáticas dos barrios e asentamentos de poboación “non centrais”.
  • Un cambio de modelo na planificación e xestión da mobilidade, actuando nas distintas escalas dun modo integral e apostando pola concienciación cidadá para fomentar unha mobilidade sostible. 
  • A posta en valor do patrimonio, non só cultural senón tamén natural-ambiental e inmaterial, de todo o termo municipal.

Vectores estratéxicos e liñas de actuación

Unha vez determinadas as principais necesidades, deseñáronse os tres VECTORES ESTRATÉXICOS que determinan os obxectivos a alcanzar a longo prazo.

  • SANTIAGO ACCESIBLE: unha aposta pola mobilidade sostible e por un concepto amplo de accesibilidade universal que chegue a servizos e dotacións.
  • SANTIAGO INCLUSIVA: accións para a posta en valor dos barrios e asentamentos de poboación “non centrais”, en todos os sentidos, para derivar na cidade policéntrica, a cidade vivida, a cidade dos barrios. 
  • SANTIAGO PATRIMONIAL: a posta en valor do binomio patrimonio natural-cultural: verde e auga-pedra.

Para despregar a estratexia e acadar os resultados esperados, definíronse un total de 18 liñas de actuación que se enmarcan dentro dos tres vectores estratéxicos que sustentan a EDUSI e que son o seu fío condutor. Do total de liñas de actuación previstas, dez están aliñadas cos Obxectivos Estratéxicos do POCS:

Liña de Actuación 1

Rexeneración económica e social de barrios e/ou colectivos desfavorecidos

Liña de Actuación 2

Revitalización do espazo público das comunidades desfavorecidas

Liña de Actuación 3

Actuacións en vivendas en barrios desfavorecidos

Liña de Actuación 4

TIC para a mellora da calidade de vida

Liña de Actuación 5

Recuperación do espazo público urbano e mellora do entorno

Liña de Actuación 6

Fomento da mobilidade urbana sostible.

Liña de Actuación 7

Recuperación e promoción do patrimonio natural

Liña de Actuación 8

Rehabilitación e promoción do patrimonio histórico, arquitectónico e cultural

Liña de Actuación 9

Promoción de activos culturais e naturais orientados ao desenvolvemento do turismo

Liña de Actuación 10

Fomento da eficiencia enerxética e do uso das enerxías renovables.

Ámbito de actuación

A EDUSI propón liñas de actuación que derivarán en operacións de carácter local, aínda que moitas delas teñan influencia en ámbitos territoriais, ambientais, económicos e sociais máis amplos.  

O ámbito de actuación territorial de SANTIAGO INCLUSIVA será a totalidade do territorio municipal.

En relación a SANTIAGO ACCESIBLE a liña de actuación referida ao fomento da mobilidade sostible, aínda que dentro dos límites do termo municipal, terá influencia positiva en toda a área urbana e metropolitana.

As actuacións de SANTIAGO PATRIMONIAL tamén pretenden alcanzar a dimensión da área urbana, sobre todo a través da mellora medioambiental do entorno e tamén da posta en valor do patrimonio cultural, natural e inmaterial. 

Orzamento subvencionable da estratexia

A EDUSI de Santiago de Compostela ten un orzamento subvencionable de 12.500.000 euros dos que 10.000.000 euros serán aportados polo Fondo Europeo de Desenvolvememento Rexional (FEDER) e 2.500.000 euros serán achegados polo Concello.

Pode consultar o orzamento do Plan de Implementación por Liñas de Actuación no arquivo correspondente da sección DOCUMENTOS.