A Xunta de Goberno adxudica as obras para a execución do Centro Integral Para a Inclusión Social (CIPIS) por máis de 800.000 euros

26/07/2023
CIPIS

A Xunta de Goberno local acordou esta mañá adxudicar o contrato das "Obras de execución do proxecto Centro Integral para a Inclusión Social (CIPIS)" á empresa OBRAS GALLAECIA SL, por un importe total e 800.052,00 euros.

O executivo municipal deu luz verde á adxudicación das obras para a construción do Centro Integral para a Inclusión Social (CIPIS) no parque de Belvís á empresa OBRAS GALLAECIA SL. Esta actuación, que contará cun orzamento de 800.052 euros (base impoñible: 661.200 euros, IVE do 21%: 138.852 €), está incluída na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España, 2014-2020.

O centro contará cunha superficie total construída de 1.152 metros cadrados, e estará ubicado no parque de Belvís, nun dos edificios de titularidade municipal que actualmente está en desuso e que acolleu o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC).

Esta actuación pretende recuperar a imaxe orixinal das edificacións e alterar o mínimo posible a aparencia do conxunto para mellorar a integración na contorna. En canto aos edificios en ruínas, reconstruiranse recuperando a forma e altura orixinais. Estes volumes manterán a súa composición exterior, polo que quedará a pedra vista. Recupéranse os ocos en fachada e ábrense novos ocos na cuberta para garantir a iluminación das estancias superiores.

No exterior, a actuación céntrase en conectar todos os accesos para asegurar a mobilidade entre todas as edificacións. Para iso, realizaranse obras encamiñadas a eliminar barreiras arquitectónicas, modificando o terreo para adaptalo ás cotas dos accesos. Serán maioritariamente zonas verdes con senllas de conexión de laxas de pedra. Desta forma, a imaxe arquitectónica final será unha reprodución dos edificios primitivos. Consérvase a imaxe exterior dos volumes previamente rehabilitados, que están revestidos e pintados de cor branca, e manteranse os ocos actuais polo que a distribución interior adaptarase a eles.