Un comité de expertos avaliará as ofertas para a reurbanización da rúa de Clara Campoamor

02/12/2019
O Alcalde dando conta dos asuntos tratados na XGL

A Xunta de Goberno acordou este luns o nomeamento dun comité de expertos que se encargará de valorar as ofertas presentadas para a reurbanización da rúa de Clara Campoamor. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, expresou a súa confianza en que as obras desta vía, que dará acceso á futura intermodal, poidan comezar a principios de ano.

O comité estará integrado por Lourdes Pérez Castro, arquitecta e directora da Oficina Técnica do Consorcio; José Luís López Cousillas, xefe do Servizo de Obra e Edificación da Axencia Galega de Infraestruturas, e José Manuel González García, vicesecretario do Concello de Santiago. Será este comité o encargado de realizar unha proposta entre as ofertas realizadas, que logo das correspondentes mesas de contratación se someterá á aprobación da Xunta de Goberno.

En relación a esta actuación, o alcalde indicou que se está cumprindo calendario previsto e agarda que "a obra poida ser adxudicada antes de final de ano e comezarse a principios de ano". Neste sentido, Sánchez Bugallo segue marcando o 1 de agosto como a data na que estes accesos á intermodal deberían estar rematados, ao igual que as obras da intermodal e da pasarela peonil, co obxectivo de que "en setembro estean operativos".

Indicou o alcalde que as obras da intermodal "van adiantadas aos prazos previstos" e que os traballos da pasarela peonil transcorren "nos prazos previstos". Non obstante, lembrou que, no caso da pasarela, "ese é o prazo que se marcou a Xunta, porque en realidade ten de prazo ata decembro". En calquera caso, reiterou esa data do 1 de agosto para ter listas as tres infraestruturas, porque "non se pode poñer en marcha ningunha sen as outras".

Esta actuación forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.