O Movemento Maker conquistará no próximo curso os barrios de Compostela

17/07/2023
Faino Ti

Un Laboratorio de Fabricación Dixital Móbil percorre nestes días Compostela para dar a coñecer o proxecto "Faino Ti", unha iniciativa pioneira que se desenvolverá á volta do verán. O programa, impulsado desde a concellería de Promoción Económica, ten como obxectivo achegar o movemento maker, as TIC e a ciencia ao conxunto da veciñanza. A concelleira de Promoción Económica, María Rozas, e o edil de Centros Socioculturais, Xan Duro, visitaron hoxe o Fab Lab Móbil, ao carón do CSC das Fontiñas.

María Rozas salientou que este proxecto, vinculado ao programa EDUSI, "fai unha clara aposta pola innovación, poñendo o foco en colectivos como o das persoas desempregadas ou os emprendedores, e por levar o coñecemento a todo o territorio de Compostela de maneira coordinada entre as concellerías de Promoción Económica e Centros Socioculturais".

A rede de Centros Socioculturais será escenario, no próximo outono, do programa "Faino ti", que contará con tres actividades diferentes: un Fab Lab vinculado a unha Academia Maker Intensiva e a seminarios sobre tecnoloxías de fabricación dixital; unha Rede TIC2 de carácter interxeracional; e un programa divulgativo para o conxunto da poboación, e en particular para os centros educativos.

Academia maker
Un dos eixos centrais do "Faino Ti" será a Academia Maker intensiva, que contará con prazas limitadas e que estará dirixida sobre todo a persoas emprendedoras ou en busca activa de emprego. As súas actividades desenvolveránse nos centros socioculturais, e ao seu abeiro realizaránse tamén seminarios abertos a todos os públicos. Nestas aulas abordaránse temáticas como o deseño, escaneado e impresión 3D, electrónica e programación ou deseño de máquinas. O proceso de inscrición para participar tanto na Academia como nos seminarios xa está aberto, a través da web compostelamaker.gal.

A Academia Maker intensiva completaráse coa presenza nos barrios do Laboratorio de Fabricación Dixital Móbil, que onte estivo xa na Praza Roxa, hoxe nas Fontiñas, e mañá poderáse visitar na Almáciga. Trátase dun vehículo equipado con impresoras 3D, escáner 3D, ou máquinas de corte láser, que será utilizado despois para poñer en práctica as aprendizaxes da Academia.

Rede TIC2
A segunda parte do proxecto ten que ver coa formación da poboación adulta en competencias TIC para o seu día a día, relacionadas con cuestións como a ciberseguridade, a intelixencia artificial ou a creación de contidos. Nestes días estanse a realizar enquisas a pé de rúa para coñecer cales son as necesidades reais de formación da poboación en materia de novas tecnoloxías, para a partir dos seus resultados deseñar a programación que tamén se desenvolverá na rede de Centros Socioculturais, con contidos concretos que poidan ser adaptados tamén ás caraterísticas poboacionais de cada barrio.

Unha terceira actuación enmarcada no proxecto "Faino Ti" permitirá divugar os coñecementos da Academia Maker e da Rede TIC2 entre o conxunto da poboación, e en particular nos centros educativos. Trátase de formar tamén aos docentes en metodoloxías de innovación ou fabricación dixital.

O proxecto "Faino Ti" encádrase no programa "Colabora e Innova no teu Barrio", dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado-EDUSI Revive Santiago, financiada nun 80% polo Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2021. O orzamento do programa supera os 200.000 euros.