O executivo local adxudica obras por un importe global de máis de 1,3 millóns de euros

03/07/2023
Campus Sur

A Xunta de Goberno local acordou esta mañá a adxudicación do contrato para a reurbanización da rúa García Lorca por un importe de 920.301,92 euros; das obras para a execución das dúas actuacións de "Pavimentación do lugar de Coira (Laraño)" e da "Pavimentación do lugar de Aradas (A Peregrina)", ambas financiadas con cargo ao POS+, por un importe de 122.414,02 € e 139.225,78 €, respectivamente. O contrato para a construción "Espazo interxeneracional no barrio de Sar" foi adxudicado por un importe de 126.984,82 €. En total, 1.308.926,52 euros. Ademais, deuse luz verde ao inicio da contratación de varios expedientes por un valor total de 673.386,09 euros, entre eles o de recuperación do Campus Sur.

Entre os acrodos, o executivo municipal deu luz verde ao expediente de contratación das obras de execución do proxecto "Recuperación do Campus Sur para o cidadán" que conta cun investimento de 352.600,95 € . Este proxecto busca mellorar a mobilidade e a accesibilidade da zona do Campus Sur, aumentar os espazos peonís e reorganizar o acceso de vehículos a esta zona.

O ámbito de actuación céntrase na zona denominada "Conxunto da Residencia Universitaria", espazo especialmente protexido, incluído dentro do Catálogo de Bens Culturais, Naturais e Paisaxísticos. Un espazo que, situado na entrada da cidade histórica, é nexo entre a Alameda e a residencia universitaria.

O Concello peonalizará a zona central do Campus Sur, poñendo en valor o patrimonio histórico e acometendo unha reurbanización completa. Tamén se reordenarán os xardíns e zonas verdes, nunha actuación que pretende impulsar este espazo para o ocio e o lecer dos veciños. Todo isto adaptando tamén o espazo público para lograr as mellores condicións de accesibilidade posibles compatibles coa protección patrimonial.

Trátase dunha operación vinculada a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela (EDUSI - REVIVE COMPOSTELA). Encádrase dentro do Vector Estrátexico CP "Compostela Patrimonial", na Liña de Actuación nº 8: "Rehabilitación e promoción do Patrimonio Histórico, Arquitectónico e Cultural". 

Tamén relacionadas coa EDUSI, esta mañá aprobouse o expediente de contratación das obras de execución do proxecto "Mellora da Accesibilidade ao barrio de Pontepedriña", cun orzamento base de licitación de 158.077,79 € (base impoñible de 130.642,80 € máis IVE do 21% de 27.434,99 €).

Finalmente, dentro da EDUSI, acordouse a adxudicación do contrato do servizo de creación do portal web, da aplicación móbil e da intranet municipal do Concello de Santiago de RIAM INTERLEARNING LAB SL, que presenta unha proposición económica de 265.751,33 € (IVE incluído).

Estes contratos forman parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80% sendo o 20% restante con cargo a dotación económica municipal.

.