A Xunta de Goberno deu o visto bo aos proxectos de acondicionamento interior e exterior do xacemento do castelo da Rocha Forte

12/11/2019
O Alcalde dando conta dos asuntos tratados na XGL

A Xunta de Goberno Local celebrada este luns deu o visto bo aos proxectos de acondicionamento exterior e interior do xacemento do castelo da Rocha Forte.

Rocha Forte 
En materia de rehabilitación, o Goberno local aprobou os proxectos de acondicionamento exterior e interior do castelo da Rocha Forte. Estas dúas obras están incluídas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI), financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

En canto ao exterior, a intervención contará cun orzamento máximo de licitación de 292.168 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de tres meses. Permitirá, entre outras actuacións, realizar un estacionamento para visitantes, ordenar a capa vexetal e plantar novo arborado ou construír unha atalaia-miradoiro na proximidade do xacemento.

No interior, o proxecto contempla a creación dun itinerario conceptual sobre o cal establecer a musealización do xacemento, con sendeiros, plataformas e paneis informativos que guíen o/a visitantes. O orzamento máximo de licitación de 89.166,53 euros (IVE incluído) e a actuación deberase executar en dous meses.