O Concello renovará a súa rede de servidores dentro do proceso de implantación da administración electrónica

28/12/2018
foto revivesantiago edusi

A Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar o procedemento de adxudicación para a ampliación da infraestrutura de servidores do Concello de Santiago, de cara á implantación da administración electrónica. O proxecto conta cun orzamento de 190.000 euros, dos que 152.000 procederán de fondos europeos vinculados ao programa ReVive-Edusi Santiago.

O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que o Concello de Santiago "atópase no proceso de implantación da administración electrónica, e iso require dunha modernización do equipamento informático e de telecomunicacións da administración". A maior parte da infraestrutura de servidores municipal atópase no seu ciclo de vida útil, pero require actualizacións hardware e software para garantir a súa total compatibilidade coa solución de administración electrónica que se está a implementar. O contrato terá un orzamento máximo de licitación de 190.000 euros e unha duración prevista de tres meses.