Arrincan as obras de reurbanización da rúa da Batalla de Clavijo

07/03/2019
rafael peña

O próximo luns arrincarán as obras de reurbanización da rúa da Batalla de Clavijo, nas que se van investir case 360.000 euros. A actuación está financiada con cargo aos fondos europeos do programa ReVive Edusi-Santiago. Nestes días comezou xa o valado da zona, e os vehículos estacionados teñen de prazo ata mañá venres para seren retirados.

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial deu conta hoxe do inicio das obras de reurbanización da rúa da Batalla de Clavijo. Rafael Peña explicou que "nestes días realizaranse tarefas previas, para o luns comezar co traballo da maquinaria pesada na zona". Tal e como se informa nun folleto que está sendo repartido á veciñanza, a actuación, cun prazo de execución de seis meses, desenvolverase en tres fases: a primeira, nos meses de marzo e abril, afectaralle ao tramo da rúa comprendido entre a avenida de Lugo e Puente la Reina, así como ás escaleiras de Bispo Teodomiro; a segunda fase, que se executará nos meses de maio e xuño, comprenderá o tramo entre Puente la Reina e a avenida de Quiroga Palacios; e a terceira e última fase, prevista para os meses de xullo e agosto, incluirá o último tramo de Batalla de Clavijo, dende a avenida de Quiroga Palacios ata a rúa do Canteiro.

Segundo explicou Rafael Peña, en cada fase "as obras comezarán pola parte central da calzada para continuar despois polas beirarrúas, e en todo momento estará garantido o acceso peonil". En canto aos vehículos, "poderán acceder aos garaxes segundo a fase da obra, quedarán eliminadas as prazas de estacionamento en Puente la Reina e permitirase o acceso a residentes e garaxes a través de Quiroga Palacios".

Proxecto 
O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial explicou que "a rúa da Batalla de Clavijo atópase na actualidade en moi mal estado de conservación, tanto na calzada como nas beirarrúas". Ademais, apuntou que se trata "dunha rúa con moi pouco espazo para as persoas, con moitas barreiras arquitectónicas derivadas das diferenzas de cota, e con dificultades para a circulación por mor da súa elevada pendente, sobre todo no seu primeiro tramo ata Puente la Reina".

A actuación que se vai levar a cabo aféctalle a un ámbito de case 2.600 metros cadrados. No primeiro tramo da rúa, entre a avenida de Lugo e Puente la Reina, mellorarase tanto o firme rodado como as beirarrúas, que serán ensanchadas; e reordenaranse as prazas de aparcamento para que non interfiran no itinerario peonil. Ademais, reconfigurarase o último tramo da escaleira de Bispo Teodomiro para permitir unha circulación máis cómoda e fluída. En canto ao tramo que vai entre Puente la Reina e Quiroga Palacios, o concelleiro de Obras explicou que "posto que nesta zona se produce unha circulación semipeonil, apostouse por crear un espazo de convivencia entre peóns e vehículos, cunha área que servirá de punto de reunión da veciñanza e con máis espazo para a xente". O concelleiro salientou que "neste tramo vaise elevar a calzada á cota da beirarrúa e reducirase o estacionamento", mentres que no tramo final da rúa de Batalla de Clavijo haberá cambios substantivos "como a eliminación dunha das dúas liñas de aparcamento en paralelo ou a mellora dos accesos aos garaxes". O proxecto tamén contempla a renovación da rede de saneamento, así como a instalación de novo alumeado público en toda a rúa con luces LED, e a plantación de árbores ao longo de todo o tramo.

As obras de reurbanización da rúa da Batalla de Clavijo e da escalinata de Bispo Teodomiro teñen un prazo de execución de seis meses. Está previsto que este proxecto se complete cunha Fase II que afectará á rúa de Puente la Reina e ás escalinatas de Cebreiro e Raíña Lupa, que serán financiadas con fondos propios.