Aprobado o inicio de licitación das obras da Fase I de Castrón Douro

28/02/2018
Imaxe estado actual da Rúa Castrón Douro

A Xunta de Goberno aprobou hoxe, nunha sesión extraordinaria, o inicio de licitación da Fase I das obras de reurbanización das rúas Patio de Madres e Castrón Douro. A actuación ten un tipo de licitación de máis dun millón e medio de euros.

O inicio do procedemento de licitación prodúcese dúas semanas despois de que o Ministerio de Facenda autorizara a incorporación do proxecto de reurbanización de Patio de Madres e Castrón Douro na EDUSI, para o seu financiamento con Fondos FEDER, no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible. A actuación ten un tipo de licitación de 1.556.454 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de 18 meses.

A Fase I do proxecto inclúe Patio de Madres e a rúa de Castrón Douro ata o cruce con Curros Enríquez, unha superficie total de 4.200 metros cadrados. As obras permitirán solucionar os graves problemas de accesibilidade da rúa, tanto nos accesos ás vivendas a través de chanzos, como no tránsito dos peóns, que dispoñen de beirarrúas moi estreitas nas que non hai espazo para cadeiras de rodas ou carros de bebés. Para iso, será preciso suprimir as prazas de aparcamento, aínda que se manterán unha zona de carga e descarga e unha área para paradas dun máximo de dez minutos.

Tamén se vai substituír o pavimento da calzada, que pasará a ser de formigón, e que estará separada das beirarrúas por pezas de granito. Os pasos de peóns estarán ao nivel da beirarrúa, uns cinco centímetros elevados sobre a calzada, e crearanse zonas estanciais con pavimento de pedra, unha delas á altura do regato do Cancelón. Por último, prevese a instalación de tres illas de contedores soterrados.