Ábrese á circulación a rúa Clara Campoamor

16/10/2020
Acto apertura Clara Campoamor

Este mediodía abriuse á circulación a rúa Clara Campoamor, despois da reurbanización executada polo concello de Santiago que permitiu actuar sobre uns 800 metros de vial e sobre unha superficie duns 19.000 metros cadrados. O resultado: un carril para buses e taxis que poderán acceder directamente á terminal de autobuses cando entren pola Avenida de Lugo; un carril bici fronte ás Brañas do Sar, dúas beirarrúas e outros dous carriles de doble sentido circulación. No acto de apertura interviron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.

A apertura do vial Clara Campoamor, é un primeiro paso, sinalou o alcalde, para o funcionamento doutros proxectos "a piques de rematar", como a terminal de autobuses, a pasarela da intermodal que une o barrio de Pontepedriña, co Ensanche, coa estación de tren, e coa de autobuses; "elementos imprescindibles e complementarios" entre si, sinalou, que deben ter continuidade "nun futuro próximo", coa construción da estación de ferrocarril" e a súa conexión co centro da cidade. Estas obras, indicou Sánchez Bugallo, "vannos servir de modelo para a actuacións que imos levar a cabo" na rúa do Hórreo, cos obxectivos de que "o trafico pasante" vaia polo tunel, e "conectar estas infraestruturas co Ensanche. É pois unha obra indispensable, afirmou, para a posta en funcionamento da futura estación intermodal.

O alcalde agradeceu o traballo das administracións implicadas, incluido o anterior goberno municipal "que pechou as negociacións coa Xunta de Galicia e con ADIF" e tamén lle deu as grazas "aos veciños e veciñas da zona de Pontevedriña. Na súa intervención destacou que "cando as administracións públicas, cando persoas de distintas ideas políticas e de distintas sensibilidades somos quen de pornos a traballar xuntos e de pór os interese do país e da sociedade por encima de calquera outra lexístima discrepancia, o beneficio é para todos", e sobre todo, indicou, para a cidadanía. Hai que procurar, afirmou, "na medida do posible, darlle continuidade aos proxectos iniciados, porque non somos máis que meros servidores públicos".

O alcalde engadiu que esta apertura era unha demanda tanto do IES de Pontepedriña, como da veciñanza "para descargar" a presión circulatoria que estaba a sofrer o barrio. E asegurou que cando estea finalizada toda a contorna da intermodal, será "unha área moi compacta, moi integrada e moi potente de transporte público".

Pola súa banda, a concelleira de Infraestruturas, Ethel Vazquez agradeceu ao alcalde de Santiago "o ter estes accesos axeitados antes da entrada en funcionamento da estación intermodal". Un exemplo, engadiu de que concello de Santiago e Xunta de Galicia coincidimos nun triple obxectivo: fomentar o transporte público con infraestruturas de caldidade, seguir facendo cidade con esa gran pasarela que suporá conectar dous barrios historicamente separados" e, continuou, que Compostela estea preparada para o Xacobeo do ano 2021, "o máis difícil e máis necesario". Apuntou que no caso da terminal de autobuses está executado "algo máis do 90 por cento", e que o obxectivo, é ter rematadas as obras, xunto ás da pasarela, "a final de ano".

No acto de apertura tamén estaban presentes Luis Palacios, xerente da zona Norte de ADIF; os concelleiros de Mobilidade, Gonzalo Muiños, e o de Obras, Javier Fernández; os portavoces dos grupos municipais da oposición, Alejandro Sánchez Brunete (PP), Marta Lois (Compostela Aberta) e Goretti Sanmartín (BNG); Marien Delgado, secretaria da Xunta Directiva da Asociación de veciños de Pontevedriña; e José Suárez Pazos, presidente da Asociación de veciños Sandra Prego Rial.

A reurbanización do vial Clara Campoamor, que contou cun investimento de 1.565.865 euros, está cofinanciada, nun 80%, polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER); e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI), integrado no Programa Operativo Plurrirrexional de España - Crecemento Sostible do periodo de progamación 2014/2020. 

http://santiagodecompostela.gal/hoxe/nova.php?lg=gal&id_nova=19987