O Goberno Municipal aproba un suplemento de crédito para o proxecto EDUSI "Rutas Campus Stellae. Miradoiro de paisaxe do Pedroso"

  • Miradoiro Pedroso

    A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou un expediente de suplemento de crédito por importe de 42.701 euros para dispor da achega municipal necesaria no exercicio actual (20% da totalidade do proxecto) para o proxecto "Rutas Campus Stellae: Miradoiro de paisaxe do Pedroso".

    Con este proxecto enmarcado na estratexia EDUSI, preténdese iniciar a creación dunha rede de puntos de observación de paisaxe exterior e interior da cidade, estratexicamente situados, e dos cales o Miradoiro de Paisaxe do Pedroso será o primeiro deles. A creación do miradoiro de paisaxe exterior no Pedroso ademais da contemplación da paisaxe, permitirá revalorizar este espazo, e fomentar o seu uso responsable por parte da cidadanía.

    O custe total estimado desta nova operación admitida EDUSI é de 213.505 euros, dos que o 80%, 170.804 proceden de Fondos FEDER. Dita admisión foi solicitada mediante resolución da concelleira de Economía e Facenda de data 01.03.2023, e admitida como subvencionable por parte da Subdirección Xeral de Desenvolvemento Urbano da Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda con data 08.03.2023. Agora, con este expediente de crédito de 42.701 euros habilítase esa achega municipal do 20%.