
Os traballos, que tiveron un custe de 219.971,12 euros, forman parte do programa EDUSI (Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado), cofinanciado con fondos europeos FEDER. A operación de acondicionamento exterior está centrada na contorna do castelo e forma parte dun programa máis amplo que tamén inclúe o acondicionamento dos espazos interiores, obra xa executada.
No marco desta obra, que tiña como obxectivo establecer as medidas necesarias para encaixar na paisaxe os restos da Fortaleza, leváronse a cabo os seguintes traballos:
- Realización dun aparcadoiro para visitantes e para a veciñanza da rúa dos Churruchaos.
- Un acceso peonil dende o aparcadpoiro e, polo tanto, dende o propio núcleo da Rocha Vella ata o castelo.
- Limpeza e recuperación de elementos etnográficos: camiños, peches de leiras tradicionais, etc.
- Ordenación da capa vexetal e establecemento de sistemas de drenaxe para as zonas asolagadas de auga.
- Construción dunha atalaia miradoiro que permita a contemplación do castelo e da súa contorna.
Nesta operación EDUSI estase a traballar dende finais de 2019, ano en que foi realizada unha prospección xeofísica, seguida de dúas campañas de escavación arqueolóxica (2020) que sacaron á luz restos dunha terceira muralla con torre semicircular e dous fosos.
Castelo da Rocha Forte
O castelo da Rocha Forte foi levantado cara a mediados do século XIII, polo arcebispo Xoán Arias. Porén, non se pode descartar que, con anterioridade, xa estivese en pé a torre da homenaxe, de posible orixe románico. O castelo ten estrutura simétrica, con planta cuadrangular, tres murallas defensivas concéntricas e unha torre da homenaxe situada no centro. A terceira muralla contaba cun foxo polo exterior que, segundo algunhas fontes documentais e recentes investigacións arqueolóxicas, podería conter auga.
Rocha Forte era unha das residencias dos arcebispos de Santiago, ademais de posto de control militar e fiscal ao sur da cidade. Esta fortificación sufriu varios asedios, ao longo de algo máis de 200 anos, no contexto das loitas que mantiñan a burguesía e a nobreza laica contra o poder arcebispal. Finalmente o castelo será destruído, na segunda metade do século XV, como consecuencia dunha revolta irmandiña.
Co acondicionamento exterior avánzase un paso máis na recuperación e revalorización desta singular fortaleza medieval que, durante séculos, ven acompañando á cidade de Santiago no seu devagar pola historia.

