
O obxectivo desta actuación, dividida en varias fases e que está previsto que se estenda a todo o Campus Sur, é cambiar os bancos máis deteriorados por uns novos, e restaurar o resto. Trátase dunha acción previa pero complementaria a outro proxecto de gran importancia para a zona: a recuperación do Campus Sur para a cidadanía.
Esta actuación de renovación do Campus Sur, enmarcada no programa EDUSI-REVIVE COMPOSTELA, conta con financiamento de Fodos Europeos FEDER e encádrase dentro do Vector Estrátexico CP "Compostela Patrimonial", na Liña de Actuación nº 8: "Rehabilitación e promoción do Patrimonio Histórico, Arquitectónico e Cultural". Conta cun orzamento estimado de 240.000 euros, e desenvolverase nunha área de 57.000 m2.
O obxectivo principal é revitalizar e rehabilitar o conxunto patrimonial, de valor histórico-artístico na cidade, así como contribuír á consolidación da presencia do Campus na cidade.
Os criterios de actuación serán os seguintes:
- Desenvolver novas fórmulas de organización dos espazos, optimizándoos e reutilizándoos, mellorando as condicións xerais de urbanización, con criterios de sostibilidade.
- Mellorar a mobilidade e accesibilidade, aumentando os espazos peonís e reorganizando o acceso de vehículos e aparcadoiros.
Neste contexto, levarase a cabo unha revitalización e rehabilitación do conxunto patrimonial en cuestión, coas seguintes actuacións principais:
- Peonalización da zona central da residencia de estudantes.
- Reordenación de usos con preferencia para os percorridos peonís con especial interés na xeración de espazos de calidade.
- Reurbanización con novos materiais acordes ao especial interese patrimonial do entorno e con criterios de sostibilidade.
- Reordenación con mantemento e renovación de xardíns e especies vexetais, con criterios de sostibilidade.
- Adaptación do espazo público para lograr as mellores condicións de accesibilidade posibles compatibles coa protección patrimonial.
A maiores destas actuacións prevese, dentro da EDUSI, a programación de actuacións complementarias no resto do ámbito do Campus que serían financiadas con fondos propios do Concello de Santiago, entre as que se atopa a renovación dos bancos da USC, realizada pola brigada de Obras do Concello de Santiago.

