
A primeira xornada do Pleno, celebrada hoxe, serviu para analizar as oportunidades que se lle abren aos concellos elixidos para desenvolveren as súas Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado e para repasar o que deron de si convocatorias semellantes, como a que lle permitiu a Compostela poñer en marcha o programa Urbana Santiago Norte.
Os detalles concretos sobre os pasos a seguir para desenvolver a EDUSI non se abordarán ata a xornada de mañá, se ben hoxe xa se adiantou que os concellos seleccionados na primeira convocatoria aínda non poden iniciar as licitacións dos proxectos que queiran financiar con cargo a fondos europeos, porque o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas aínda está a resolver as alegacións presentadas á súa resolución.
Tamén se clarexou que durante a tramitación da convocatoria decidiuse mudar as escalas das axudas, de xeito que as cidades de entre 50.000 e 100.000 habitantes non poderían optar a máis de dez millóns de euros, e non aos 15 millóns previstos inicialmente. Deste xeito, Compostela logrou a cantidade máxima á que podía aspirar.

