
O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, foron os encargados de dar conta da resolución, "unha moi boa nova para a cidade, que se beneficiará duns investimentos que van incluso máis alá do que foi no seu momento o programa Urbana Santiago Norte". Ese proxecto, concedido en 2011, supuxo investimentos por algo máis de 11 millóns de euros, dos que 8 millóns procederon de fondos FEDER. Ademais, o alcalde sinalou que, a diferenza do Urbana, a EDUSI non ten unha limitación xeográfica senón que se estenderá a todo o ámbito municipal.
Tras a publicación de hoxe no BOE, o Concello ten agora un prazo de dez días para comunicarlle ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas que acepta a subvención, e a partir de aí priorizaranse as accións a executar. Jorge Duarte explicou que o Concello de Santiago solicitara inicialmente 15 millóns de euros, dos que lles foron concedidos dez. A esta cifra sumaranse dous millóns de euros máis procedentes das arcas municipais (o 20% do investimento previsto). O concelleiro de Espazos Cidadáns sinalou que tamén será preciso "reanualizar as actuacións contempladas na EDUSI, posto que estaba previsto que o Ministerio de Facenda fixera pública a resolución a finais de maio e a decisión demorouse ata outubro".
Liñas estratéxicas
Jorge Duarte sinalou que o obxectivo prioritario da EDUSI é poñer en valor o patrimonio de Santiago, "pero entendido nun sentido moito máis amplo que o patrimonio construído da cidade histórica, tendo en conta o patrimonio natural, a historia e sobre todo as persoas". Para iso, no documento fixáronse dez liñas estratéxicas:
- Rexeneración económica e social en barrios e/ou colectivos desfavorecidos: inclúe actuacións coma un Centro Municipal de Acollida para persoas sen fogar, actividades de formación na cultura maker "Faino ti", programa Compostela Amigable coas persoas maiores, plan municipal de alugueiros...
- Revitalización do espazo público das comunidades desfavorecidas: inclúe actuacións para a rexeneración física, económica e social do entorno rural e urbano, con proxectos concretos en puntos coma o barrio de Belvís, a avenida de Lugo ou a rúa Batalla de Clavijo.
- Actuacións en vivendas en barrios desfavorecidos: inclúe un programa para a instalación de ascensores e axudas para a mellora da accesibilidade.
- As TIC para a mellora da calidade de vida: proponse botar man das tecnoloxías da información e a comunicación para mellorar a xestión de servizos públicos como a limpeza viaria ou os residuos sólidos urbanos, e poñelos a disposición dos cidadáns.
- Recuperación do espazo público urbano e mellora do contorno: son actuacións dirixidas a rehabilitar e mellorar o contorno urbano, con proxectos como a mellora de Patio Madres e Castrón d´Ouro, a recuperación da Costa de Santa Susana, ou a recuperación do Campus Sur.
- Fomento da mobilidade urbana sostible: entre as accións que se levarán a cabo figuran a revisión do Plan de Mobilidade Urbana, a redacción dun Plan de Accesibilidade Universal, o estudo da funcionalidade e tratamento de puntos conflitivos para o tráfico como a praza de Galicia ou a avenida de Xoán XXIII, o estudo de mellora e conexión de camiños peonís ou a integración da Cidade da Cultura co tecido urbano de Compostela.
- Recuperación e promoción do patrimonio natural: son actuacións dirixidas á protección, fomento e desenvolvemento do patrimonio natural, con especial atención aos que teñen interese turístico. Contempla actuacións concretas como a mellora dos accesos ao Parque de Belvís, a restauración do paseo fluvial do Sarela, ou o acondicionamento de sendas peonís ao carón do río Sar.
- Rehabilitación e promoción do patrimonio histórico, arquitectónico e cultural: inclúe a rehabilitación de elementos patrimoniais etnográficos na conca do río Sarela, a posta en valor do Castelo da Rocha (tanto do propio xacemento como dos accesos e conexións co contorno) e da estación arqueolóxica de Roxos, e actuacións no Camiño de Bergantiños.
- Desenvolvemento e promoción de activos culturais e naturais orientados ao desenvolvemento turístico: contempla a elaboración de rutas alternativas de turismo que enlacen patrimonio cultural-natural-inmaterial, e campañas sociais para a posta en valor do "outro" Santiago.
- Mellora da eficiencia enerxética e aumento das enerxías renovables: son actuacións dirixidas a reducir o consumo enerxético, mediante actuacións nos inmobles de titularidade municipal e a elaboración dun manual de boas prácticas de consumo e eficiencia.
Proxecto aprobado en pleno
A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado foi aprobada polo Pleno da Corporación o 12 de xaneiro, cos votos a favor de Compostela Aberta e a abstención dos outros grupos municipais. A EDUSI inclúe unha exhaustiva análise da situación actual de Compostela, partindo dunha identificación inicial dos principais problemas e retos da cidade e das súas potencialidades. Neste proceso, o Concello apostou pola participación, elaborando enquisas cidadás vía online que cubriron preto de 700 persoas (entre cidadanía en xeral e expertos). Tamén houbo mesas de debate entre expertos, e unha gran mesa de traballo na que participaron os catro grupos da Corporación municipal, expertos como o ex alcalde Xerardo Estévez e representantes dos principais colectivos de Santiago.
Ademais, celebráronse mesas participativas en torno ás políticas de emprego, cuxas conclusións se recolleron tamén na estratexia. A maiores, elaborouse unha análise sobre aspectos como a mobilidade, as condicións ambientais e climáticas, o consumo enerxético, a situación económica ou o contexto social na capital galega.
Tendo en conta ese mapa, a Estratexia DUSI inclúe un Plan de Implementación con 10 liñas estratéxicas e máis dun cento de accións concretas. Todas elas queren responder aos retos que ten a cidade dende o punto de vista económico (incremento do PIB, aumento do turismo…), ambiental e climático (redución da produción de residuos sólidos urbanos, aumento do uso do transporte público, rebaixa do consumo de auga e produción de CO2…), demográfico (incremento da poboación de Compostela), e social (fomento da igualdade entre homes e mulleres, rexeneración de barrios e vivendas desfavorecidas, garante do acceso aos servizos sociais…).

