A Xunta de Goberno aproba novos proxectos para a súa inclusión na EDUSI

  • Martiño Noriega nunha anterior rolda de prensa de Xunta de Goberno

    A Xunta de Goberno aprobou hoxe dous novos proxectos que lle serán remitidos ao Ministerio de Facenda, para á súa inclusión na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado de Santiago. Trátase dun programa de sensibilización social e igualdade entre mulleres e homes, e dun plan de accesibilidade universal.

    A documentación das dúas propostas seralle remitida á Autoridade de Xestión do Programa Operativo de Crecemento Sostible do Ministerio de Facenda, que comprobará que cumpren os requisitos para seren financiados con cargo á EDUSI.

    Programa de Igualdade

    O programa de sensibilización social e igualdade entre mulleres e homes engloba accións que pretenden contribuír á erradicación das desigualdades de xénero e facer de Santiago un municipio inclusivo. No programa prevense actuacións vinculadas á prevención da violencia de xénero, á campaña Territorio das Mulleres é á actividade da Casa das Mulleres. O orzamento previsto sería de 175.000 euros para o período 2017-2019.

    Plan de accesibilidade

    En canto ao Plan de Accesibilidade Universal, terá como obxectivo mellorar a calidade ambiental e de vida do conxunto da poboación que reside ou que visita a cidade. O documento será a ferramenta para que os proxectos de obra se integren nesa estratexia, ao tempo que permitirá difundir e poñer en valor as actuacións relacionadas coa accesibilidade. O orzamento contemplado para a redacción do Plan é de 50.000 euros, dos que 40.000 serían achegados polos fondos europeos, e 10.000 euros polo Concello.