A Xunta de Goberno Local aproba a licitación da primera fase do itinerario ciclista entre a avenida de Romero Donallo, Amor Ruibal e rúa do Hórreo

  • Roda de prensa Itinerarios Ciclistas

    A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, aprobou o proxecto de execución da rede "Itinerarios sostibles para a redución da pegada de carbono (Fase I- entorno Intermodal)", que sae a licitación por 307.519,40 euros, IVE engadido, e un prazo de execución de tres meses.

    As actuacións que se contemplan no proxecto teñen por obxecto a implantación dun itinerario ciclista entre a avenida de Romero Donallo, a rúa de Amor Ruibal e a rúa do Hórreo. Con esta intervención darase continuidade ás obras xa realizadas na rúa Clara Compoamor e na rúa do Hórreo e estableceranse as bases da futura rede de itinerarios sostibles para a redución da pegada de carbono.

    A solución proxectada levarase a cabo nunha contorna urbanizada e sobre un sistema viario xa existente, polo que, para a implantación dunha vía ciclista segregada do tráfico rodado é preciso reducir o ancho das beirrarrúas ou carrís, ou incluso suprimir algún. Na rúa Romero Donallo contémplase carrís de 3 metros, e no treito que vai dende a rúa Rosalía de Castro ata a saída do túnel está revisto eliminar un carrill por sentido. Cada marxe contará cun itinerario ciclista, dun só sentido e ancho comprendido entre 1,50 e 2,00 metros. Entre a vía ciclista e a beirarrúa disporase unha zona verde.

    A rúa de Amor Ruibal contará cunha vía ciclista na marxe dereita, en dirección Pontepedriña, de dobre sentido de circulación e un ancho de 3,20 metros. Nesta marxe será necesario suprimir un carril de circulación. Na rúa do Hórreo proxectáronse dúas solucións mantendo o actual número de carrís cun ancho de 3,25 metros. Dende a intersección coa rúa de Romero Donallo e ata o primeiro paso de peóns contará cun itinerario ciclista en cada marxe, dun só sentido e 2 metros de ancho. A continuación, discorrerá só pola marxe esquerda, con dobre sentido de circulación e 3,25 metros de ancho, ata a súa conexión coa vía ciclista xa existente na rúa do Hórreo.

    Esta operación forma parte da EDUSI e estará cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea. .