
O proxecto de execución do Centro Integral para a Inclusión Social foi elaborado polo estudio de arquitectura ARQUITAV ARQUITECTOS e contará cun orzamento total de execución material de 835.142 € (Orzamento de Execución Material + I.V.E) para a súa execución nun prazo de 8 meses.
O alcalde explicou que o novo centro "estará ubicado no parque de Belvís, nun dos edificios de titularidade municipal que actualmente está en desuso" e que acolleu o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC). "A superficie total construída será de 1.152 m2 que serán adicados a este centro de servizos para atención e fomación de persoas en risco de exclusión social".
Esta actuación pretende recuperar a imaxe orixinal das edificacións e alterar o mínimo posible a aparencia do conxunto para mellorar a integración na contorna. En canto aos edificios en ruínas, reconstruiranse recuperando a forma e altura orixinais. Estes volumes manterán a súa composición exterior, polo que quedará a pedra vista. Recupéranse os ocos en fachada e ábrense novos ocos na cuberta para garantir a iluminación das estancias superiores.
No exterior, a actuación céntrase en conectar todos os accesos para asegurar a mobilidade entre todas as edificacións. Para iso, realizaranse obras encamiñadas a eliminar barreiras arquitectónicas, modificando o terreo para adaptalo ás cotas dos accesos. Serán maioritariamente zonas verdes con senllas de conexión de laxas de pedra. Desta forma, a imaxe arquitectónica final será unha reprodución dos edificios primitivos. Consérvase a imaxe exterior dos volumes previamente rehabilitados, que están revestidos e pintados de cor branca, e manteranse os ocos actuais polo que a distribución interior adaptarase a eles.
O programa da intervención divídese en tres áreas funcionais: Área de acollida e intervención social (AF1), na que se levarán a cabo labores de acollida (primeira atención, valoración, orientación, aproximación diagnóstica, deseño da intervención social), garantirase o aloxamento e cubriranse as necesidades básicas. Este espazo contará con zona de recepción, despachos para traballadores sociais, arquivo, sala de espera e zona de descanso, aseos e duchas segregados por xénero, zona de lavandería, consignas de uso individual, sala de limpeza e un salón de actos para a realización de actividades diversas.
A segunda será a Área de intervención socio-educativa e de atención socio-sanitaria (AF2), a través da cal se coordinarán os distintos servizos sociais comunitarios e dispositivos de atención primaria de saúde e de atención especializada e se levarán a cabo labores socio-educativas (orientación continuada, pautas de saúde e hixiene persoal…) e que contarán con despachos para os/as educadoras e os técnicos, aulas para traballo en grupos, aula de informática, sala de espera e zona de descanso, aseos e comedor-cociña.
Haberá un terceiro espazo, unha Área de incorporación social (AF3), unha zona de dirección e de implementación do Programa municipal de Inclusión Social, que contará con despachos para axente de desenvolvemento local, psicólogo, dirección do centro; aulas para traballo en grupos, aseos, sala de espera e zona de descanso e sala de xuntas.
En canto aos espazos exteriores, adecuaranse para ser utilizados como praza pública e lugar de encontro, así como unha zona para actividade hortícola.
Trátase dunha acción cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e vinculada á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela (EDUSI - REVIVE COMPOSTELA), dentro do Vector Estratéxico CI "Compostela Inclusiva", na liña de actuación: "rexeneración económica e social en barrios e/ou colectivos desfavorecidos".

