
Jorge Duarte sinalou que un dos primeiros asuntos abordados no Pleno tivo que ver coas contías recibidas polos distintos municipios. Así, dende o Ministerio explicouse a decisión de que os concellos de menos de 100.000 habitantes puideran recibir un máximo de 10 millóns de euros, e non os 15 contemplados inicialmente, co obxectivo de que da convocatoria se puideran beneficiar máis cidades. Deste xeito, a EDUSI de Santiago recibirá a maior cantidade posible, e o Concello terá que reaxustar os proxectos que pretende financiar.
Pendentes dos trámites do Ministerio
O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que os concellos non poderán avanzar demasiado no desenvolvemento da EDUSI ata que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas non aprobe a resolución definitiva da convocatoria, unha vez teña resoltas as alegacións presentadas. Jorge Duarte lembrou que "o Goberno de Compostela presentou a súa Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado en xaneiro, estaba previsto que a resolución do Ministerio se coñecera a finais de maio, pero finalmente tivemos que agardar ata o mes de outubro". Deste xeito "non puidemos iniciar ningún dos proxectos previstos no documento e que xa tiñamos presupostados para 2016, e segundo os prazos manexados na reunión de Madrid é probable que non poidamos licitar nada ata o segundo trimestre de 2017".
O edil sinalou que, antes de iniciar as licitacións, o Concello ten que aprobar un Manual de Procedemento que terá que recibir o visto bo do propio Ministerio, previsiblemente a finais de ano. Nese documento definiranse as accións a financiar con fondos europeos, sempre cumprindo os obxectivos temáticos da EDUSI en canto a modernización tecnolóxica, accesibilidade, inserción social e redución das emisións contaminantes.
Traballos previos do Goberno local
A concelleira de Economía e Facenda explicou que o Goberno local xa foi desenvolvendo algún traballo previo, para axilizar o desenvolvemento da EDUSI unha vez que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas teña resolta a súa parte do procedemento. Nesa liña, María Rozas explicou que o Executivo "vai elaborar un informe sobre as prioridades, tendo en conta tamén a postura da oposición".
A edil explicou que xa se lle remitiu a PP, PSOE e BNG un cuestionario ao respecto, se ben de momento só foi respondido por populares e nacionalistas. Rozas mostrouse convencida de que "haberá consenso, porque moitas das prioridades expresadas por PP e BNG son coincidentes coas fixadas polo Goberno". Ao longo desta semana, haberá unha reunión entre goberno e oposición para seguir avanzando "porque é fundamental decidir que accións vinculadas á EDUSI e financiadas con fondos europeos hai que incluír nos orzamentos municipais de 2017".

