
A elaboración do PMUS "é un proceso moi complexo, pero que debe supor unha transformación e unha mellora moi substancial na calidade de vida da cidadanía", salientou o rexedor compostelán que engadiu que "será unha peza fundamental do modelo de cidade da próxima década".
Este PMUS, cuxos estudos previos comezaron en novembro de 2022, non "xorde ex novo: está baseado no anterior PMUS de 2010, no pacto pola mobilidade e en toda unha serie de actuacións que levamos realizando como as incluídas no Smartiago e as relacionadas coa plataforma loxística de distribución de mercadorías". Será ademais, unha pata fundamental da elaboración da Axenda 2030.
Sánchez Bugallo agradeceu a participación no I Foro da Mobilidade que se celebrou onte e que encaixa na fase participativa do proxecto, que se desenvolve en dúas liñas: as enquisas á cidadanía, que xa se están a celebrar, e a participación directa, como esta xuntanza inicial que congregou máis de 150 persoas no centro sociocultural de Santa Marta.
O obxectivo co que se traballa é que os estudos previos estean remados en 2023, que en 2024 se elaboren e tramiten as normas necesarias e que en 2025 estean listas para a súa aplicación. "Hai que ordenar o reparto de mercadorías, a Intermodal, as zonas de baixas emisións....", entre outros elementos que se producen nunha cidade "cun casco urbano dunhas 2.500 hectáreas das cales 500 son de solo industrial; 500, de parques públicos; 500, de solo institucional e 1000 están ocupadas por algo máis de 50.000 vivendas onde viven algo máis de 80.000 persoal": un "casco urbano moi rico, pero complexo de organizar". A isto hai que sumar 21 parroquias rurais e 8 rururbanas, e un "terceiro reto adicional: en Santiago traballamos 67.000 persoas e case 30.000 veñen de fóra cada día. Se engadimos os diferentes tipos de servizos temos unha cidade cunhas demandas especiais de mobilidade" que o PMUS deberá encaixar.
A actualización do PMUS forma parte da EDUSI de Santiago de Compostela e é unha operación cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea (FEDER).

