
O proxecto de acondicionamento interior do Castelo da Rocha é a primeira actuación dun programa máis ambicioso que inclúe o acondicionamento dos espazos exteriores da fortaleza e a súa conexión co núcleo da Rocha Vella, cos tramos inmediatos do río Sar e co Camiño Portugués. O obxectivo é poñer en valor os restos arqueolóxicos, mellorando as condicións de seguridade e accesibilidade dos visitantes. Ademais, prevese acometer actuacións que reduzan o forte impacto visual e acústico da liña ferroviaria próxima, e que corrixan escorrentías naturais do xacemento.
O alcalde, Martiño Noriega, explicou que, coa do Castelo da Rocha, "xa están aprobadas polo Ministerio todas as fichas da EDUSI enviadas nas últimas semanas". Tamén apuntou que a entrada en vigor da nova Lei de Contratos facilitará a tramitación, porque "permite iniciar a licitación das actuacións mesmo antes de recibir a aprobación do Ministerio para a incorporación á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado".

