O ano da obra pública colle pulo co inicio dunha ducia de actuacións por importe de case 3 millóns de euros

08/08/2018
Rafael Peña explica a fase inicial da obra

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Reequilibrio Territorial, Rafael Peña, deu conta hoxe do prazo de inicio e execución do Plan Municipal de Obras para este verán, que inclúe unha ducia de actuacións por importe de 3 millóns de euros.

A listaxe de obras que van comezar neste mes de agosto está composta polos accesos a Busto, o ascensor de Triacastela, a reurbanización da rúa de Castrón Douro (Fase I), Ponte Marzán a Sar, accesibilidade nas Cancelas, reurbanización do Cruceiro da Coruña, Pereiras, Accesibilidade en Santa Isabel, Bispo Diego Peláez, accesibilidade na rúa Dublín, accesos ao Palacio de Congresos, accesos Cesar- Barciela, Fase I da sinaléctica do rural ou a pavimentación da rúa do Espírito Santo, esta última prevista para o 12 de setembro.

Plan de tráfico en Castrón Douro 
No caso da obra en Castrón Douro, en cada tramo os traballos iniciaranse na parte central da calzada, continuando despois polas beirarrúas. En todo momento quedará habilitado o acceso peonil a portais e comercios, ben polas beirarrúas preexistentes, mediante pasarelas en fase de demolicións e instalacións ou polas beirarrúas novas en fase de pavimentos e acabados. Habilitarase o acceso de vehículos a garaxes segundo as fases da obra en execución. Os cortes no acceso necesarios temporalmente para a execución de obra serán comunicados con antelación.

Este primeiro tramo en obras queda cortado ao tráfico, eliminándose o aparcamento e permitíndose só o acceso a garaxes. A ruela de Pisón córtase á circulación. Só accederán os usuarios dos garaxes existentes, entrando e saíndo pola rúa do Pexigo de Arriba, que queda toda dunha soa dirección, sentido baixada cara a praza de Marcial Villamor Varela. Só poderán circular por ela os residentes da zona. Invértese o sentido da rúa de Patio de Madres dende a rúa García Blanco, quedando de saída cara a rúa Fonte de Santo Antonio.

Estes cortes afectarán á liña 7 do transporte urbano, que baixaba por Patio de Madres. Mentres duren as obras realizará o percorrido pola praza de Galicia, rúa Doutor Teixeiro e avenida de Lugo, para baixar a rotonda inferior e continuar pola rúa de Bernardo Barreiro cara a rúa de Curros Enríquez, incorporándose de novo ao percorrido normal cara a zona de Sar.

A obra aféctalle ao tramo de Patio de Madres e a rúa de Castrón Douro ata o cruce con Curros Enríquez, cunha superficie total de 4.200 metros cadrados. Posteriormente está prevista unha segunda fase, que se afrontará con fondos propios do Concello.

O proxecto de reurbanización contempla o rebaixe da rasante da rúa, nalgúns puntos ata un metro, de xeito que se permitirá que moitas vivendas que actualmente están por debaixo do nivel da calzada queden por riba dese nivel. Deste xeito, mellorarase a accesibilidade e evitaranse os problemas de acumulación de auga que se producen na actualidade en época de chuvias. Ademais, ampliaranse notablemente as beirarrúas, o que obrigará a suprimir prazas de aparcamento. Si se manterán unha zona de carga e descarga e unha área para paradas dun máximo de 10 minutos.

A actuación contempla ademais a substitución do pavimento actual da calzada por formigón, e a creación de zonas estanciais con pavimento de pedra, unha delas á altura do regato do Cancelón.