Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS)

Na Estratexia Europa 2020  a Unión Europea sinala o camiño para o seu futuro. Trátase de crear as condicións propicias para un tipo de crecemento distinto, máis intelixente, sostible e integrador. Este modelo debe estar asentado na mellora da competitividade, a innovación e a formación, debe asegurar a cohesión económica e social, debe abordar o desafío demográfico e debe utilizar o potencial das mulleres dunha maneira máis extensa e eficaz. 

As cidades son primordiais dentro deste modelo de desenvolvemento sostible, e por iso os regulamentos dos Fondos Estruturais establecen a obriga de destinar cando menos un 5% dos recursos FEDER a medidas dirixidas ao desenvolvemento urbano integrado e sostible e que atendan aos ámbitos sociais, económicos e ambientais das cidades.

O programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS), cofinanciado polo FEDER, participa plenamente da Estratexia Europa 2020 e concéntrase en catro eixos prioritarios:

  • Eixo 4: Economía baixa en carbono.
  • Eixo 12: Desenvolvemento urbano integrado e sostible.
  • Eixo 6: Calidade da auga.
  • Eixo 7: Transporte sostible.

A sostenibilidade urbana fai referencia á mellora duradeira e a longo prazo das condicións sociais, económicas e ambientais dunha área urbana singular. Para acadala é preciso dispor dunha estratexia coherente e equilibrada e non unicamente de proxectos que aborden problemáticas específicas. As cidades son primordiais dentro do modelo de crecemento sostible. 

O POCS destina ao Eixo 12 un total de 1.000 millóns de euros, o 12,8 % do seu orzamento total, á realización de proxectos urbanos integrados que actúen sobre varios obxectivos temáticos, incluíndo os de tipo social, que teñan en conta o principio horizontal de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, e que serán xestionados directamente polos Concellos que resulten adxudicatarios dos fondos. 

Tras un proceso de participación no que se implicou a Rede de Iniciativas Urbanas (RIU) e tendo en conta a tipoloxía das cidades españolas decidiuse concentrar a axuda deste eixo nos seguintes obxectivos temáticos:

  • OT2: Mellorar o acceso, o uso e a calidade das tecnoloxías da información e a comunicación, cun peso relativo dun 15 % do orzamento. 
  • OT4: Favorecer o paso a unha economía de baixo nivel de emisión de carbono en todos os sectores, cun peso do 25% do orzamento. 
  • OT6: Conservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia dos recursos: 31% do orzamento
  • OT9: Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza, cun 28% do total das partidas. 

Con data 17 de novembro de 2015 publicouse no BOE a Orde HAP/2427/2015 pola que se aprobaron as bases e a primeira convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado (EDUSI) cofinanciadas polo FEDER no marco do POCS. Como consecuencia desta convocatoria o Concello de Santiago de Compostela presentou unha candidatura que foi seleccionada por resolución de 29 de setembro de 2016.