A Xunta de Goberno avanza na tramitación das obras de Castrón Douro e dos aparcadoiros disuasorios da Sionlla e Conxo

06/10/2017

A Xunta de Goberno deu novos pasos este venres e se avanzou nos trámites para iniciar a licitación das obras de Patio de Madres e Castrón Douro.

Obras de Castrón Douro 
A Goberno local tamén deu hoxe o último paso previo ao inicio da licitación das obras de Patio de Madres e Castrón Douro. Así, acordou seleccionar esta actuación a efectos de que sexa tramitada a súa aprobación ante o Ministerio de Facenda, posto que será financiada con fondos europeos dentro da EDUSI, a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado.

A intervención en Patio de Madres e Castrón Douro permitirá mellorar a accesibilidade na rúa, equilibrar os espazos destinados a tránsito peonil e a tráfico rodado, e xerar novos espazos de uso público. Ademais, instalaranse contedores soterrados.

O proxecto divídese en dúas fases: a primeira dende Virxe da Cerca ata o cruce con Curros Enríquez, e a segunda dende este punto ata a conexión coa calzada de Sar. A primeira fase terá un orzamento de 1,5 millóns de euros, dos que 1,2 millóns procederán dos fondos europeos.

EDUSI 
Tamén en relación coa Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, a Xunta de Goberno aprobou hoxe a creación do órgano de participación, seguimento e avaliación da EDUSI, así como as normas que rexen o seu funcionamento. Este órgano terá un carácter consultivo, informativo, de formulación de propostas e suxestións, de debate e asesor. Servirá de canle á participación cidadá e á avaliación externa dentro da EDUSI. Do órgano formarán parte representantes políticos municipais e dos ámbitos veciñal, ambiental e patrimonial, asistencial e social, e económico, empresarial e sindical.