Solicitada a inclusión na EDUSI dun programa de emprego que lle dará continuidade ás sendas verdes do río Sar

20/04/2018
Imaxe Río Sar

A Xunta de Goberno acordou hoxe remitir ao Ministerio de Facenda o proxecto "Iniciativa urbana sostible de patrimonio natural e emprego", para a súa inclusión na EDUSI e, xa que logo, o seu financiamento con fondos europeos FEDER

O programa está orzado en 360.000 euros e permitirá a contratación de 27 persoas desempregadas que acometerán os traballos de acondicionamento de novas sendas peonís, así como traballos de rehabilitación enerxética en inmobles municipais.

A "Iniciativa urbana sostible de patrimonio natural e emprego" é unha actuación que ten como obxectivo a contratación de persoas desempregadas para mellorar a súa formación e capacitación, ao tempo que realizan obras de interese social e natural que contribúan á rexeneración do municipio. O alcalde explicou que a contratación de 27 persoas terá un carácter temporal, durante 7 meses. Martiño Noriega apuntou que o programa prevé a realización de tres proxectos concretos: o acondicionamento da senda peonil do río Sar no tramo Viso-San Lázaro; o acondicionamento da senda peonil do río Sar no tramo Rocha-Vidán, e as obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios municipais.

O proxecto suporá un gasto total de 360.000 euros, dos que 288.000 procederían de fondos europeos FEDER.