Presentado o programa ReVive Santiago, a estratexia para conseguir "a Compostela que queremos"

25/04/2018
Martiño Noriega pechando o acto presentación Edusi

O Concello presentou hoxe o programa ReVive Santiago, nun acto celebrado no Auditorio de Galicia coa participación de máis dun cento de representantes do tecido veciñal e asociativo da cidade. O alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, encargáronse de debullar o proxecto, que aglutina as accións que serán financiadas con fondos europeos FEDER, no marco da EDUSI.

ReVive Santiago é o nome co que o Concello vén de rebautizar a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, EDUSI. No programa inclúense accións orzadas nun total de 12,5 millóns de euros, 10 millóns de euros procedentes dos fondos FEDER, e 2,5 millóns de euros de achegas propias do Concello. A concelleira de Economía e Facenda lembrou que "a EDUSI foi elaborada coa participación activa da veciñanza, a través de enquisas, mesas de traballos e múltiples encontros; porque era un requisito de Europa pero tamén porque o Goberno de Santiago ten o firme convencemento de que a cidadanía ten que deseñar o futuro de Compostela". María Rozas explicou que "despois dunha longa tramitación desde a selección da EDUSI de Santiago para ser financiada por Europa, hoxe podemos dicir que as accións previstas na estratexia se empezan a converter en realidades, co obxectivo de revivir Compostela, e de que a veciñanza se sinta máis orgullosa que nunca da cidade".

Tres liñas estratéxicas 
As accións incluídas no ReVive Santiago relaciónanse con tres liñas estratéxicas: Accesible, Inclusiva e Patrimonial.

No relativo á "Compostela Accesible", a concelleira de Economía e Facenda explicou que "unha das esixencias mostradas pola cidadanía no proceso de participación previo á elaboración da EDUSI foi a de conseguir un Santiago sen barreiras físicas, e por iso introducimos no programa a elaboración dun Plan de Accesibilidade Universal". Na mesma liña, "a veciñanza reclamou un novo modelo de mobilidade, e niso traballaremos, xunto coa reordenación dalgúns viarios moi saturados como Clara Campoamor, a avenida do Restollal ou o Cruceiro da Coruña".

No tocante á "Compostela Inclusiva", María Rozas salientou que "o programa ReVive entende a inclusión social como un concepto amplo, e por iso nesta liña estratéxica inclúense desde actuacións de mellora nos barrios non centrais como Castrón Douro ata a posta en marcha de programas de emprego propios, pasando por accións relacionadas coa igualdade entre homes e mulleres ou a implantación da administración electrónica".

Por último, na liña da "Compostela Patrimonial", o programa ReVive Santiago aposta por "reivindicar o valiosísimo patrimonio que ten o noso municipio máis alá do ámbito da cidade vella". Por iso, a concelleira de Economía e Facenda incidiu en que os fondos europeos FEDER permitirá avanzar na recuperación de novas sendas verdes, de espazos esquecidos como as ruínas de Caramomiña, ou na posta en valor do Castelo da Rocha, "fundamental para entendérmonos a historia de Compostela".

"Camiñar cara a Compostela desexada" 
O alcalde foi o encargado de pechar o acto, mostrando o seu convencemento de que "entre todas e todos camiñamos cara a Compostela desexada, construímos un novo relato de cidade centrado nas necesidades, nas inquedanzas e nos desexos das persoas". Por iso, Martiño Noriega agradeceu "a participación de colectivos veciñais neste acto, pero sobre todo na elaboración da EDUSI, que non ten máis obxectivo que construír a mellor Compostela". Da mesma maneira, o alcalde mostrou o seu agradecemento "a todas as persoas que traballan no desenvolvemento do programa ReVive Santiago", pediu o máximo compromiso dos concelleiros e concelleiras do Goberno para que todas as accións se convirtan en realidade, e fixo un chamamento aos grupos da oposición para que "esta estratexia reborde as fronteiras e cores políticas, porque construír o Santiago que queremos para o futuro esixe esforzos conxuntos".