Inauguradas as obras de adecuación exterior do Castelo da Rocha Forte

24/09/2022
Rocha Exterior

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado por varios concelleiros e concelleiras da Corporación, inaugurou esta mañá a obra de acondicionamento exterior do Castelo da Rocha Forte no marco da XI Romaría do Castelo, organizada pola Asociación Cultural da Rocha Forte.

Os traballos, que tiveron un custe de 219.971,12 euros, forman parte do programa EDUSI (Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado), cofinanciado con fondos europeos FEDER. A operación de acondicionamento exterior está centrada na contorna do castelo e forma parte dun programa máis amplo que tamén inclúe o acondicionamento dos espazos interiores, obra xa executada.

No marco desta obra, que tiña como obxectivo establecer as medidas necesarias para encaixar na paisaxe os restos da Fortaleza, leváronse a cabo os seguintes traballos:
- Realización dun aparcadoiro para visitantes e para a veciñanza da rúa dos Churruchaos.
- Un acceso peonil dende o aparcadpoiro e, polo tanto, dende o propio núcleo da Rocha Vella ata o castelo.
- Limpeza e recuperación de elementos etnográficos: camiños, peches de leiras tradicionais, etc.
- Ordenación da capa vexetal e establecemento de sistemas de drenaxe para as zonas asolagadas de auga.
- Construción dunha atalaia miradoiro que permita a contemplación do castelo e da súa contorna.

Nesta operación EDUSI estase a traballar dende finais de 2019, ano en que foi realizada unha prospección xeofísica, seguida de dúas campañas de escavación arqueolóxica (2020) que sacaron á luz restos dunha terceira muralla con torre semicircular e dous fosos.

Castelo da Rocha Forte

O castelo da Rocha Forte foi levantado cara a mediados do século XIII, polo arcebispo Xoán Arias. Porén, non se pode descartar que, con anterioridade, xa estivese en pé a torre da homenaxe, de posible orixe románico. O castelo ten estrutura simétrica, con planta cuadrangular, tres murallas defensivas concéntricas e unha torre da homenaxe situada no centro. A terceira muralla contaba cun foxo polo exterior que, segundo algunhas fontes documentais e recentes investigacións arqueolóxicas, podería conter auga.

Rocha Forte era unha das residencias dos arcebispos de Santiago, ademais de posto de control militar e fiscal ao sur da cidade. Esta fortificación sufriu varios asedios, ao longo de algo máis de 200 anos, no contexto das loitas que mantiñan a burguesía e a nobreza laica contra o poder arcebispal. Finalmente o castelo será destruído, na segunda metade do século XV, como consecuencia dunha revolta irmandiña.

Co acondicionamento exterior avánzase un paso máis na recuperación e revalorización desta singular fortaleza medieval que, durante séculos, ven acompañando á cidade de Santiago no seu devagar pola historia.