A EDUSI renace como "Programa ReVive Santiago" e conta xa coa súa web

24/04/2018
Presentación da web Revive Santiago

O Concello ven de poñer en marcha a nova web revivesantiago.gal, para facer máis clara e accesible toda a información vinculada á EDUSI, cuxas accións concretas forman parte do programa ReVive. Hoxe tamén se presentou a imaxe de marca, na véspera dun acto no Auditorio de Galicia que permitirá que a veciñanza e os diferentes colectivos da cidade coñezan en detalle as accións concretas que serán financiadas a través de fondos europeos FEDER.

A concelleira de Economía e Facenda foi a encargada de presentar tanto a imaxe de marca como a web. María Rozas explicou que "coa imaxe do programa ReVive Santiago queremos simbolizar o que entendemos que suporá a EDUSI para a cidade: un investimento total de 12,5 millóns de euros que busca unha cidade máis sostible desde o punto de vista social, económico e ambiental". De aí, apuntou a tenente de alcalde, "a denominación de ReVive, porque queremos que a cidade reviva con actuacións en barrios tradicionalmente desfavorecidos, con programas de emprego, e accións relacionadas coa igualdade entre homes e mulleres. Pero tamén queremos que os composteláns e compostelás revivan a cidade, que recuperen o seu patrimonio, que sexan donos e donas dos espazos públicos".

Páxina web 
María Rozas presentou tamén a web do programa, revivesantiago.gal. A páxina pretende "facilitar o acceso da veciñanza á información sobre o que é a EDUSI, na que se inclúen actuacións orzadas nun total de 12,5 millóns de euros, dos que 10 millóns proceden de fondos FEDER".

Fernando Martínez, responsable da oficina técnica da EDUSI, explicou que "na web pódese atopar unha ampla descrición da estratexia e do programa europeo que a sustenta, e facilita o acceso a unha ampla documentación vinculada á EDUSI". A páxina tamén permite coñecer en detalle ás tres liñas de actuación do ReVive: Accesible, Inclusiva e Patrimonial, así como as actuacións concretas integradas en cada unha delas. O portal complétase cun apartado de noticias, que facilita o seguimento da evolución administrativa de cada acción, e con información de interese sobre outros programas europeos nos que participa Santiago.

Acto de presentación 
A nova imaxe do programa ReVive máis o seu contido serán obxecto dunha presentación pública mañá mércores, a partir das 20:00 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Ao acto están convidados representantes veciñais e membros do tecido asociativo de Compostela, que poderán coñecer en detalle o contido da estratexia. De presentárllelo encargaranse o alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas.