Compostela presentou a folla de ruta do seu Plan Integral de Atención ás Persoas sen Fogar

29/11/2018
Intervención Concha Fernández

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentaron esta mañá a xornada Abordaxe do Senfogarismo en Compostela: Estado da situación e plans de acción, que se celebra hoxe na Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela, e que está organizada conxuntamente pola Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde e a Mesa de Traballo para o estudo da Situación das persoas sen teito-transeúntes e dos recursos en Santiago de Compostela.

O alcalde incidiu en que "para o Goberno local é unha obriga incrementar o investimento social, como xeito de frear as desigualdades, e nesa liña enmárcase o Plan de Atención para Persoas sen Fogar no que vimos traballando e que hoxe presentamos". Noriega lembrou que se triplicou o orzamento dende o comezo do mandato e hai previsión de seguir aumentándoo de cara a 2019.

Pola súa parte, a concelleira Concha Fernández, explicou que "van xa tres anos dende que se comezou a traballar na abordaxe do senfogarismo, con responsabilidade e rigor e tendo sempre claro que é no terreo dos dereitos fundamentais onde nos xogamos a dignidade, a cidadanía, a participación e a democracia" e engadiu que "non podemos facelo só dende o Concello, é necesaria a corresponsabilidade doutras administracións, nomeadamente a Xunta de Galicia, que é quen ten competencias en saúde e vivenda"

Lucía del Río, psiquiatra e asesora técnica do Concello presentou o traballo de planificación do Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas Sen Fogar realizado durante estes tres anos, nos que se visitaron 13 centros en todo o Estado para recoller referencias e experiencias de éxito, e se contou coas opinión e achegas de moitas persoas sen fogar de Compostela para elaborar un diagnóstico participado. Este centro estará situado no Parque de Belvís e contará cun investimento dun millón de euros de fondos europeos EDUSI. Haberá un servizo de atención diúrna e unha residencia temporal que permita estadías medias de ata 1,5 ou 2 anos. Lucía del Rio explicou que, despois de ver outras experiencias, o Concello de Santiago aposta por "un centro no que haxa poucas prazas para evitar aglomeracións e que ofreza espazos dignos o máis parecidos posible a un fogar". Habería dúas habitacións dobres para parellas, tres canceiras para persoas que acudan con animais de compaña, e dous cuartos adaptados para persoas con mobilidade reducida.

O asesor do Concello, Miguel Vieito, presentou o borrador do Plan Municipal de Atención a Persoas Sen Fogar como "unha folla de ruta a partir da cal se deben desenvolver múltiples acción" e incidiu en que deben colaborar diversas administracións para que teña éxito. Vieito ofreceu datos sobre o último reconto efectuado polos equipos de rúa de Cruz Vermella na cidade: o 80% son homes, un 70% de nacionalidade española e nunha alta porcentaxe solteiros e con algunha patoloxía mental, pero advertiu que "basear a atención nun perfil concreto é un erro, hai que facer sempre un achegamento individual para non perder por exemplo a perspectiva de xénero de tantas mulleres que non aparecen nos recontos e viven outras tipoloxías de senfogarismo menos visibles a pé de rúa".

O Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas Sen Fogar de Santiago estará cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España (Crecemento Sostible) 2014-2020.